Friday 26 de April de 2024

Camariñas contará cunha nova Casa do Maior con capacidade para 5 persoas usuarias


• O Diario Oficial de Galicia fai hoxe pública a resolución, mediante a cal acorda achegar á Administración local 53.575 euros para poñer en marcha este novo servizo.

• A alcaldesa, Sandra Insua, destaca que “é unha gran nova para a nosa veciñanza, xa que a partir de novembro poderémola poñer en marcha complementando así a de Xaviña”.

O Concello de Camariñas contará cunha nova Casa do Maior con capacidade para 10 persoas usuarias, tras a comunicación no Diario Oficial de Galicia, que fai hoxe pública a resolución mediante a cal acorda achegar á Administración local un total de 53.575 euros para poñer en marcha este novo servizo.
Mediante un acordo en Xunta de Goberno Local, o Concello acordaba ofertar o Centro de Iniciativas, situado na rúa Río do Prado, para que funcionase como a segunda Casa do Maior do municipio, que poderá estar en funcionamento a partir do mes de novembro.

Así, trala inauguración da Casa do Maior de Xaviña, o Concello aposta polo Centro de Iniciativas para acoller este servizo e ofrece para isto unha gran aula do edificio, no que actualmente se leva a cabo o obradoiro de emprego, as clases de informática e outras actividades.

Ao igual que ocorre coa de Xaviña, o servizo estará financiando integramente pola Xunta de Galicia a través dunha liña de axudas da Consellería de Política Social para a posta en marcha de Casas do Maior en toda a comunidade.

A alcaldesa, Sandra Insua, destaca que “é unha gran nova para a nosa veciñanza, para os nosos maiores, xa que se trata dun servizo moi demandado e poderemos aumentar así a cobertura en materia social”, algo que, di a rexedora, “é algo prioritario na nosa acción de goberno”, destaca.